Toni Pérez e Eva Abadín asumiron en Mugardos os maillots de líderes do Open de Galicia de Enduro





Modalidades: 

A Montefaro Enduro Race 2016 by Cabreiroá & Ciclos Roca deixounos este domingo un cambio de líderes no Open de Galicia de Enduro. Toni Pérez (Laesport) e Eva Abadín (Barbanzabike) pasan a encabezar as clasificacións xerais despois da disputa da segunda das cinco probas que compoñen este certame. Roberto Rodríguez (Club do Mar de Mugardos) e Susana Rodríguez (Límite Bierzo) alzáronse co triunfo na cita organizada polo Club do Mar de Mugardos.

Roberto Rodríguez demostrou o seu coñecemento do terreo e a súa experiencia. Marcou un tempo de 19:59, dous segundos mellor que o de Toni Pérez. Óscar Martínez del Campo (Xtrembike), que chegaba como líder, clasificouse séptimo e cedeu o maillot do Open de Galicia.

Tampouco tivo unha boa xornada a vencedora da cita inaugural en Vigo. Eva Castro (School Riders) abandonou no primeiro treito, o que aproveitou Susana Rodríguez para gañar cun crono de 29:13 e Eva Abadín, que fixo 33:44, para vestirse de líder.

Os tres primeiros, por categorías, foron: Roberto Rodríguez, Rubén Rodríguez e Borja Añón, en elite; Toni Pérez Dacosta, Borja Caneiro e José Manuel Groba, en Master 30; José Ríos, Marcos Valbuena e Eliseo Mosteiro, en Master 40; Carlos José Táboas, Manuel Gómez Castro e Antonio Lago, en Master 50-60; Alberto Rivero, Brais Boullosa e Rubén Paz, en sub-23; e Andrés Quintela, Kevin Méndez e Evaristo Martínez, en júnior.

Toni Pérez, o novo líder na táboa masculina, amosouse satisfeito porque "a loita con Roberto foi moi boa. Ía buscando as boas sensacións que non dou atopado neste principio de temporada. Fun probando cousas e funcionaron. Notei certa melloría. No podio estivemos tres corredores da mesma quinta que xa competíamos hai 20 anos xuntos en descenso. Xa batallabamos daquela e estabamos moita veces no podio".

O representante do Laesport destacou sobre o percorrido que "os treitos estiveron moi ben. Déronlle unha volta de torca para facelos moito máis completos e aproveitar o monte que teneñ ao máximo. Notouse que hai moito traballo detrás da xente de Mugardos a nivel de preparación buscando boas vertientes e elementos artificiais. A carreira estivo moi ben, pensada para que o ambiente sexa moi bo e axudando ao corredor en todo o que poden e iso gusta".

Clasificacións