Tony Pérez e Desirée Duarte conquistaron o Campionato de Galicia de Enduro en Moaña





Modalidades: 

O máster-30 Tony Pérez e a elite Desirée Duarte foron os máis rápidos no campionato de Galicia de Enduro BTT celebrado este domingo na localidade pontevedresa de Moaña. O vigués do Laesports impúxose por diante de dous riders elite, o seu compañeiro de equipo Rubén Rodríguez e de Mauro González (Salvaterra), mentres que a representante do Bioracer bateu a Lucía Vázquez (Maiatos) e a Eva Abadín (Barbanzabike).

O evento organizado polo THC Bike reuniu a 115 participantes e puxéronse en xogo sete títulos de campións de Galicia. O circuíto de 36,6 kilómetros, e un desnivel de 1645 metros, contaba con cinco treitos cronometrados. Un trazado físico e técnico que viu aumentada a súa dureza debido á sequidade do terreo.

A estas complicadas condicións soubose adaptar á perfección Desirée Duarte. A ponteareá do Bioracer non concedeu ningunha opción ás súas rivais. Marcou o mellor tempo nos cinco treitos e o seu rexistro final foi de 24:59. A segunda praza correspondeulle a Lucía Vázquez, actual campioa de Galicia de cross country olímpico (XCo), que rematou a 2:35 da gañadora e o podio completouno Eva Abadín (Barbanzabike), a 9:46 de Duarte.

Dobrete do Laesports

Tamén resultou indiscutible o triunfo de Tony Pérez na clasificación scratch masculina. O ciclista do Laesport foi o máis forte en todos os parciais salvo no cuarto, onde se quedou a menos de dous segundos de José Antonio Díez Arriola (LTM Santacruz), piloto cántabro convidado pola organización e que se impuxo en Elite. “Saíume todo bastante ben. Estou moi contento porque non tiven problemas físicos nin coa bici. Atopeime cómodo, malia que os treitos estaban moi revoltos”, sinalou o vigués que detivo o reloxo en 20:35. A 42 segundos do seu tempo rematou Rubén Rodríguez, o mellor Elite galego por diante de Mauro González e de Pablo Míguez (X Bikes).

Vixente campión de España máster-30, Pérez estivo acompañado no podio da súa categoría por Borja Caneiro (DHG Team) e Aarón Bernárdez (THC Bike). Este triunfo reforza a moral do vigués de cara á recta final da temporada: “ Levo dous anos cun problema físico que me está levando a baixar o meu rendemento, pero nas últimas semanas estou recuperando o meu nivel. Se consigo aguantar este ritmo intentarei loitar dentro dun mes polo Campionato de España”.

No resto de categorías, Francisco Serantes (Castrobikes) vestiuse co maillot de campión de Galicia júnior tras superar a Daniel Cabanas (Marín). En Sub23, Brais Boullosa (Bici Verde) dobregou a Raúl Fernández (Insitu Ciclismo) e a Alberto Méndez (+Enduro). Na clasificación Máster-40 os representantes do THC Bike ocuparon as dúas primeiras prazas do podio. Marcos Ríos venceu por diante do seu compañeiro Sergio Germade e de Esteban Lorenzo (Bici Verde). Por último, Carlos Táboas (Quebici Marcisport) subiu ao máis alto do caixón en Máster-50, con Manuel Gómez (5TH Pine) na segunda posición e Carlos Mariño (Komanche) na terceira.

Documentos: