Tony Pérez e Desirée Duarte, imparables no Open de Galicia – Anova de Enduro en Montefaro





Modalidades: 

Dobrete para os representantes do Intense Condado Bike na segunda proba puntuable do Open de Galicia – Anova de Enduro. O máster-30 Tony Pérez e a elite Desirée Duarte marcaron os mellores tempos nas clasificacións absolutas da Montefaro Race by Cabreiroá & Ciclos Roca. A segunda posición na táboa masculina ocupouna Mauro González (Salvaterra de Miño), que se sitúa como novo líder nos elites.

O júnior Pedro Gonzalo (Bici Verde), o sub23 Kevin Méndez (Club del Mar de Mugardos), o máster-40 Roberto Rodríguez (Club del Mar de Mugardos) e o máster-50/60 Carlos José Táboas (Quebici-Marcisport) completaron o cadro de gañadores. No evento organizado polo Club del Mar de Mugardos disputáronse outras dúas competicións de promoción, na cadete venceu Pablo Piñeiro (Coruxo) e na amateur José Ramón García (Club del Mar de Mugardos).

A maioría dos 176 riders que se concentraron nos montes das localidades de Mugardos e Ares eran galegos, aínda que tamén houbo participantes procedentes de Madrid, Valencia, Asturias ou El Bierzo. O percorrido de 25 quilómetros alcanzou un desnivel acumulado de 1.400 metros.

No primeiro treito cronometrado o máster-30 Borja Caneiro (DH Galicia) foi o máis rápido, con Mauro González na terceira posición e Tony Pérez na quinta. O do Salvaterra anotouse o terceiro e o cuarto parcial, pero o quinto e último sector resultou decisivo. Pérez asinou o mellor rexistro, batendo en 15 segundos a González, que só puido ser noveno.

Na táboa final, o máster-30 do Intense acumulou 15 minutos e 45 segundos, superando en 4 segundos a González e en 9” ao máster-30 José Manuel Groba (Xtrembike), terceiro clasificado. Pérez xa se impuxera na súa categoría na primeira xornada do Open, mentres que González sitúase en cabeza do ranking elite aproveitando a ausencia en Mugardos do ata agora líder Toni Ferreiro (Merida-Coruxo), que non puido asistir ao estar disputando en Madeira (Portugal) as Enduro World Series.

A proba feminina tivo na actual campioa de España a súa gran dominadora. Desirée Duarte detivo o reloxo en 19:10 e sumou o seu segundo éxito deste curso no certame autonómico con 3:47 de vantaxe sobre Carla Rodríguez (Bike Madrid) e 5:53 respecto a Susana Rodríguez (Límite Bierzo).

 A rider do Condado Bike  reforzou o seu primeiro posto na xeral. Tamén continúan vestidos de líderes Pedro Gonzalo nos juniors, Raúl Fernández (Cambre – Caeiro) nos sub23 e Carlos José Táboas nos masters-50/60. Pola súa banda  nos masters-40, Roberto Rodríguez e José Manuel López (+Enduro) está igualados no máis alto.

Na entrega de premios participaron Pilar Díaz, alcaldesa de Mugardos; a concelleira de Deportes; Fernando Caínzos, representante do club organizador; e  Esteban Lorenzo, directivo da Federación Galega de Ciclismo. A vindeira cita deste Open de Galicia – Anova será o 28 de maio, o Enduro Monte Castelo en Burela.

Foto: Fonsi Méndez

Documentos: