Tony Pérez e Desirée Duarte, vencedores do I Enduro Serra do Galiñeiro





Modalidades: 

Gondomar, 25 de setembro de 2016. O vigués Tony Pérez, do equipo Intense Store, proclamouse campión na sexta proba do Open de Galicia de Enduro. O corredor olívico completou os cinco tramos cronometrados da carreira en 23:25, oito segundos por diante de Óscar Martínez, o segundo clasificado. "Era o que viña buscar, viña pelexar pola xeral, saio con esa intención en case todas as carreiras; nunhas hai máis opcións e noutras menos. Estamos a tentar preparar a proba do Campionato de España en Pirineos e manter a forma, pero hoxe resultoume duro por uns problemas físicos meus", afirmaba Tony ao remate da carreira.

O segundo lugar foi para Óscar Martínez, que marcou un tempo de 23:33 que o levou ao primeiro posto na categoría Elite. "O obxectivo era pelexar pola vitoria pero Tony Pérez hoxe estivo moi forte, e ao final segundo e moi contento. Buscaba non fallar, non ter ningunha rotura que me deixase fose da final", comentaba Óscar minutos antes de subirse ao podium a vestir a camisola de líder. E é que o de Nigrán viña liderando o Open de Galicia e cos puntos desta sexta proba mantense e chega como líder á última carreira.

A proba transcorreu de forma normalizada e con poucos abandonos, aínda que hai que resaltar a caída de Eva Abadín ao comezo da carreira, que lle obrigou a retirarse por unha rotura nun brazo. Eva chegaba ao Galiñeiro en primeira posición da xeral e mantén o seu liderado a pesar da retirada. En mulleres a vencedora foi Desireé Duarte.

En total ao redor de 100 corredores tomaban a saída desde o Campo de Fútbol da Pasaxe, en Vincios, para disputar os cinco tramos cronometrados que compoñían a carreira. Ao redor de 32 kilometros, 11 deles nas especiais, e cun desnivel acumulado de 1.350 metros. Zonas físicas e moi técnicas xunto a outras máis rápidas compoñían este I Enduro Serra do Galiñeiro.

Os participantes insistiron ao longo do día no nivel e a calidade dos tramos, e confiaban en que a proba se poida consolidar como unha habitual no Open de Galicia de Enduro. "Desde que coñecemos os tramos por primeira vez, vimos que había moitísimo traballo. Estes tramos serven perfectamente mesmo para carreiras de máis nivel", comentaba Tony Pérez.

Pola súa banda na organización, desde o club +EnduroMTB mostrábanse contentos pola acollida da proba. "Coas choivas das últimas horas temiamos que o terreo estivese moito peor. Para os primeiros participantes había zonas moi esvaradías, pero ao ir pasando corredores foi mellorando o terreo. En xeral, mostráronse encantados co deseño dos tramos e desde a organización xa estamos a pensar en dar un salto a outras competicións de maior nivel", aseguraba Rodrigo Artos, presidente de +EnduroMTB.

Na entrega de premios estiveron presentes o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira; a concelleira de Deportes, Nuria Lameiro; e diferentes representantes das marcas comerciais patrocinadoras.

Clasificacións

Fonte: Prensa Enduro Serra do Galiñeiro