Tony Pérez fíxose co título Master-30 do Open de España de Enduro





Modalidades: 

A clasificación xeral Master-30 do Open de España Cannondale Big Ride Powered By Rotor veuse para Galicia. Tony Pérez certificou a súa vitoria impoñéndose na cuarta e última xornada deste certame celebrada na localidade oscense de Castejón de Sos. O representante do Laesport CD-Intense Store foi o mellor da súa categoría nesta cita nos Pirineos e ocupou a quinta posición na táboa scratch, xusto por diante do seu compañeiro de equipo Rubén Rodríguez, sexto na sctach e cuarto na elite. 

"Voltei atoparme coas sensacións de poder competir dentro dos treitos polos postos cabeceiros, notando unha considerable mellora respecto ao vivido ao longo da temporada por mor de diversos problemas que arrastrabamos dende hai tempo atrás", declarou Pérez, que subiu ao podio do Open de España de Enduro para recoller o seu maillot amarelo, escoltado por Enrinque Santonja, segundo, e José Antonio Barrio, terceiro. Na categoría Elite os gañadores foron o portugués José Borges (BH Gravity Team) e a estonia Maaris Meier (Prorebordosa).

O enduro galego contou con oito bikers máis nos Top-10 do Open:

En Elite, Rubén Rodríguez ocupou a cuarta praza e Benito Giráldez (Bike Patrol Co) a décima.

En Sub23, Brais Boullosa (Bici Verde) fíxose coa quinta posición e Cristobal Fernández (Intense Store) coa oitava.

En Master-30, Daniel Silva (Bici Verde) concluiu sexto.

En Master-40, Esteban Lorenzo (Bici Verde) rematou sétimo.

En Master-50, a Fernando Fernández e Javier Acevedo, ambos do + Enduro MTB, correspondéronlle o quinto e o oitavo posto, respectivamente.

O próximo evento desta especialidade a nivel estatal será o Campionato de España o 9 de outubro en Villanúa (Huesca).