Trabazo, Feijoo e Canal entran na convocatoria de España para o Mundial de Ciclocrós





Tres ciclistas sub-23 galegos aparecen na convocatoria de 21 corredores confeccionada polo seleccionador español Pascual Momparler para o Campionato do Mundo de Ciclocrós 2020 que se celebrará esta vindeira fin de semana na localidade suíza de Dübendorf. Iván Feijoo (Nesta-Skoda Alecar) e Carlos Canal (Burgos-BH) competirá o sábado 1 de febreiro ás 11:00 horas, mentres que a quenda de Irene Trabazo (XSM) chegará ao día seguinte, o domingo, ás 13:00 horas. 

"É un circuíto novo e parece que vai chover toda esta semana. Se hai moito barro podemos ver unha carreira épica, como non vimos estes anos atrás: de moita bici ao ombreiro, de patear moitas zonas que a priori son de ir en bicicleta… Imos ver cando cheguemos alí o venres que nos atopamos”, comenta Momparler. “Para nós, canto máis seco e rápido estea o circuíto, mellor".