Trece bikers defenderán este domingo as cores da Selección de Galicia no Superprestigio MTB 2017 de Arnedo





Unha semana antes de que o Open de España se decida en Maceda, trece bikers defenderán as cores da Selección de Galicia de Cross Country Olímpico (XCO) na segunda proba puntuable do Superprestigio MTB 2017. A cita deste domingo en Arnedo (La Rioja) é a primeira da temporada para o combinado autonómico que dirixen os técnicos Xosé Anxo Vidal e Guillermo Sande. 

Os cadetes Carlos Canal (Academia Postal - Actyon- MMR) , Iván Cadaveira (Caimanes Betanzos) e Roi López (Compostelano); as cadetes Aida González e Noela Saa (Academia Postal - Actyon- MMR) e Andrea García (Cambre - Caeiro); os junior Iván Feijoo e Abel Franco (Academia Postal - Actyon- MMR) e Adrián Barros (Coruxo); as juniors Carlota Cañamero (Coruxo) e Alba Arias (Arteixo-MB3); o sub23 Samuel González (Salvaterra de Miño) e o elite Saúl López (Academia Postal - Actyon- MMR)) forman a expedición desprazada ata terras rioxanas. 

O III XCO Internacional Ciudad de Arnedo presenta un trazado de 5,3 kilómetros que non presenta grandes variacións respecto ao do pasado ano, cando a Selección de Galicia tamén participou. Con 200 metros de desnivel positivo por volta, o seu percorrido resulta esixente, cunha dura saída e unha zonas de escaleira e outra de motocross con saltos e peraltes. 

A primeira quenda de carreiras está fixada para as 10:00 e a segunda para as 12:00 horas. Os combinados autonómicos de Madrid, Asturias e Valencia tamén competirán nesta proba na que se reparten puntos para o ránking da Unión Ciclista Internacional (UCI).