Tres primeiros postos e un segundo para os galegos na Copa de España de Karrantza





Modalidades: 

A tres semanas de que a Copa de España chegue a Galicia, os representantes autonómicos acadaron tres triunfos na terceira xornada puntuable do certame estatal. Iván Feijoo (Nesta) e Irene Trabazo remataron primeiros entre os sub-23 e Isabel Castro (Condado Bike) impúxose na carreira máster-40/50. Miguel Rodríguez (Ponteareas), segundo nos juniors, asinou o outro gran resultado da 'armada galega' no XXVII Ciclocross de Karrantza.

En terras biscaíñas, Feijoo e Trabazo confirmaron o bo estado de forma que amosaran a semana anterior no tríptico internacional celebrado en Catalunya. O alaricano do Nesta cruzou a liña de meta en Karrantza na cuarta posición, a 1:41 do gañador absoluto Kevin Suárez (Nesta), e sendo o primeiro sub-23. Na xeral da Copa ascende á undécima posición (terceiro nos sub-23).

Na carreira raíña feminina, Irene Trabazo ocupou o quinto posto na clasificación absoluta, a 2:33 da vencedora Aida Nuño (Río Miera), e obtivo con solvencia a primeira praza entre as sub-23. Grazas a este resultado, a marinense escala ata a décima posición no ranking da Copa (quinta nas sub-23). 

Intratable nas máster-40/50 continúa Isabel Castro. A ponteareá sumou o seu terceiro triunfo, superando en case tres minutos (2:56) á segunda clasificada Isabel Borrero (Superprestigio). A do Condado Bike amplía a súa renda na xeral máster-50 ata os 23 puntos respecto a Monteserrat Sanz (Coslada).

O outro galego que subiu ao podio en Karrantza foi Miguel Rodríguez. O júnior do Ponteareas non puido alcanzar a Igor Arrieta (Sakana), que atacou a metade de carreira e venceu con 13 segundos de vantaxe sobre o actual líder da Copa Galicia. Os 20 puntos sumados por Rodríguez catapúltano á sexta praza do ranking. O seu compañeiro de equipo Jorge Fernández finalizou décimo nesta cita. 

Tamén rubricou un posto de Top-10 Iván Fernández (Avanza), concluíndo quinto nos cadetes. Nesta carreira o líder Ricarado Buba (Coruxo) non puido conservar o seu maillot de líder e por dous puntos supérao agora na xeral Pau Martí (Moixent).

A Copa de España desprazarase o vindeiro domingo ata a Madrid, para disputar o Ciclocross Ciudad de Alcobendas, e a súa seguinte parada será Pontevedra o 1 de decembro. 

Máis información