Triunfo parcial para Luis Árcega e Mila López sentenza a Copa de España de Ciclismo Adaptado en Cheste





Modalidades: 

A falta de dúas probas puntuables para o remate da Copa de España de Ciclismo Adaptado, Mila López xa ten no peto o título na categoría WH4. A baionesa do Club Ciclista Riazor sentenzou esta fin de semana a xeral da súa categoría vencendo no Circuito de Cheste (Valencia), onde o seu compañeiro de equipo Luis Árcega logrou a vitoria na carreira MC3. 

López leva seis triunfos parciais no certame estatal desta temporada, tan so se lle escapou o da primeira xornada. O sexto éxito do curso serviulle para ampliar a 139 puntos a súa vantaxe na xeral, cando restan 120 en xogo. Este título é o quinto consecutivo da paraciclista de Baiona na Copa de España. 

O Club Ciclista Riazor acaricia unha segunda coroa nas handbikes. Iván Manoel Montero clasificouse segundo en Valencia e no ranking MH5 manexa un colchón de 90 puntos respecto a Francisco Tamarit (Unlimited Wheels). 

Nas competicións de bicicleta, Árcega sumou a súa terceira vitoria desta campaña. O representante do conxunto herculino consolídase na segunda praza da táboa MC3. Ese mesmo posto no ranking MC4 ocupa Xosé Manuel Vázquez, que nesta sétima xornada cruzou a liña de meta en cuarta posición.

Por equipos, o Club Ciclista Riazor recolleu no podio o premio como terceiro clasificado. Impúxose o Hyundai Koryo Car, seguido polo Fucicam.

A Copa de España baixará o pano na Región de Murcia a fin de semana do 19 e 20 do outubro . O sábado a competición terá lugar en Mazarrón e domingo, en Puerto Lumbreras.