Un regreso agardado: Volve a Copa Galicia Maratón





Noticia desexada polos amantes dos desafíos. Despois dun ano de paréntese, a Copa Galicia Maratón está de volta no 2020. Regresa o certame autonómico do XCM cun calendario concentrado nas últimas semanas da primavera. Das tres citas puntuables, dúas estreánse a nivel competitivo. 

O domingo 17 de maio os especialistas nas longas distancias conmemorarán o Días das Letras Galegas en Cuntis. Nesta localidade pontevedresa o Club de Montaña Xesteiras organiza a Ruta BTT do Lacón, un evento que ata este ano se celebraba como marcha. 

Dúas semanas máis tarde, o 31 de maio, a segunda proba puntuable presentará un dobre aliciente. A Viveiro Bike Xtrem, unha clásica das anteriores edicións do certame autonómico, tamén exercerá de Campionato de Galicia desta modalidade. A Peña Ciclista Gráficas Lar será o club anfitrión.

Aos bikers que saian vestidos de líderes da Mariña Lucense aínda lles quedará un último reto na provincia de Ourense para proclamarse vencedores finais dos seus rankings. O 7 de xuño a Copa resolverase co Maratón Os Mosqueteiros no Carballiño, onde o club local aposta por darlle carácter competitivo a súa ruta.  

As inscricións para as tres probas abriranse proximamente en www.galitiming.com, mentres que nas redes sociais podedes seguir todas as novidades a través do cancelo #CopaGaliciaMaraton20.