Veloso reforza o seu liderado no Alto da Torre





Modalidades: 

O W52-FC Porto escenificou este domingo a súa superioridade na subida máis emblemática da Volta a Portugal. O conxunto que capitanea o galego Gustavo César Veloso asinou un dobrete no cumio do Alto da Torre, co ciclista de Bamio entrando en segunda posición e reforzando a súa condición de líder despois de 145 quilómetros de percorrido.

O portugués João Rodrigues cruzou a liña de meta con 1 segundo de vantaxe sobre Veloso. Estes dous representantes do W52-FC Porto encargáronse de rematar o control que exerceu o seu equipo durante a longa subida final. O dúas veces gañador da Grandíssima e os seus compañeiros responderon con firmeza aos múltiples ataques que recibiron , ata que na última rampla resultaron imparables.

A 5" do gañador desta quinta xornada terminaron Joni Brandão e Henrique Casimiro, ambos do Efapel, e Vicente García de Mateos (Louletano) ocupou a quinta praza a 12".  Pola súa banda, o estradense Alejandro Marque cedeu 8:08 tras sufrir un problema mecánico antes da subida ao Alto da Torre e o ciclista do Sporting Tavira, que comezou a tirada na sétima praza da xeral, despediuse das súas opcións de podio. 

Veloso loce agora o amarelo con 13" de marxe sobre Rodriguez e con 20" respecto a De Mateos. Marque cae á 27ª posición, mentres que Cristian Mota (Miranda Mortagua), o terceiro galego nesta rolda, aparece na 90ª.

Antes do día de descanso, marcado para o martes, o pelotón da Volta a Portugal vai completar este luns un traxecto de 158 quilómetros entre Oliveira do Hospital e a Guarda, concluíndo a tirada nun porto de 3ª categoría. 

 

Clasificación

Foto: João Fonseca