A Volta a Galicia arranca este xoves e presentou a súa última etapa en Santiago de Compostela





O Concello de Santiago de Compostela albergou este mércores a presentación da cuarta etapa da XVI Volta a Galicia – Homenaxe a Oscar Pereiro que mañá xoves comenzará en Monforte de Lemos coa disputa dunha contrarreloxo por equipos, primeira tirada desta rolda.

No acto de presentación da carreira galega que concluirá na capital de Galicia o vindeiro domingo estivo presente o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen destacou “a importancia que ten para Santiago de Compostela acoller o final dunha proba histórica e que a bo seguro non se decidirá ata o último día”.

Noriega estivo acompañado no acto pola concelleira de Deportes, Noa Morales; o director da Volta, Guillermo Sande; o ex ciclista Ezequiel Mosquera; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.

Mosquera sinalou que a etapa de Santiago será “moi esixente para os corredores xa que o perfil non dá ningún descanso”. Pola súa banda, Muñiz agradeceu “ao Concello de Santiago o apoio prestado a rolda galega e ao ciclismo como un evento destacado nunha cidade marcada pola gran cantidade de actividades deportivas e culturais que alberga”.

A Volta 2017 consta de catro xornadas de competición. A carreira comezará este xoves, día 14, cunha contrarreloxo por equipos de 10,2 kilómetros e saída e chegada en Monforte de Lemos.  O venres será a primeira etapa en liña Monforte-Monforte de 143,1 km. A provincia de Pontevedra acollerá o sábado a terceira tirada con saída e chegada en Lalín de 137 kilómetros de distancia. A rolda decidirase o domingo na capital de Galicia sobre 130 km, que terán saída e chegada na Avenida Xoan Carlos I de Santiago de Compostela.

Un total de 126 ciclistas de dezaoito equipos formarán o pelotón das categorías elite e sub23. Sete conxuntos galegos estarán na liña de saída dun total de dezaoito formacións: Club Ciclista Rías Baixas, Padronés-Cortizo-Anova, Autronic-Club Ciclista Vigués, Cambre-Renault Caeiro, Spol-Concello de Porriño, Team Guerciotti-Kiwi Atlántico e Supermercados Froiz.

A representación do resto de España compóñena os asturianos Kuota-Construcciones Paulino, as formacións cántabras do Gomur-Liebana2017-Ferroatlántica e do Aldro, a estremeña do Bicicletas Rodríguez Extremadura, os vascos da Fundación Euskadi, os madrileños do RH Polartec-Fundación Contador, os valencianos do Gsport Valencia Wolfbike e os leoneses do Diputación de León - Arte en Transfer.

A nivel internacional, nesta edición destaca a presenza do equipo francés do Delko-La Pomme Marseille que se suma as formacións do Liberty Seguros-Carglass e o Moreira Congelados-Feira-Bicicletas Andrade portuguesas.

www.voltagalicia.com