A Xunta colabora coa Federación Galega de Ciclismo para repartir este verán 1.000 cortaventos reflectores que garantan a visibilidade dos deportistas nas estradas e aumenten a súa seguridade





Vázquez Mourelle destaca que esta colaboración é froito do diálogo e da preocupación prioritaria do Goberno galego pola seguridade viaria

Salienta que a protección dos usuarios vulnerables das estradas é un obxectivo estratéxico do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 aprobado pola Xunta
 

Santiago, 18 de maio de 2016.- A Xunta de Galicia colaborará coa Federación Galega de Ciclismo no reparto de cortaventos reflectores destinados a garantir a visibilidade dos deportistas nas estradas e a aumentar a súa seguridade. Ese é o obxecto do convenio que esta mañá asinou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, co presidente deste colectivo, Juan Carlos Muñiz, e que presentou como froito do diálogo e da preocupación prioritaria do Goberno galego pola seguridade viaria.

A titular de Infraestruturas concretou que a Xunta se compromete a facilitarlle á Federación Galega de Ciclismo un mínimo de 1.000 cortaventos reflectores, a prenda que os propios deportistas consideran adecuada para esta disciplina.

Trátase de cortaventos de cor amarelo con reflectores para garantir a visibilidade en situacións de menos luz e o obxectivo do acordo é que se poidan empezar a repartir este mesmo verán.
A conselleira de Infraestruturas salientou que a Xunta leva moito tempo traballando no desenvolvemento de medidas que incrementen a seguridade dos ciclistas, tanto deportivos como os que empregan a bicicleta para pasear ou para a súa mobilidade diaria. Aínda que se trata de colectivos con necesidades e riscos diferentes, dixo, todos eles forman parte do colectivo de usuarios vulnerables cuxa protección é obxecto de especial atención no Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 que acaba de aprobar a Xunta de Galicia.

A conselleira avogou pola colaboración para avanzar na protección dos usuarios vulnerables das estradas a través do diálogo e contando cos expertos en seguridade viaria e con representantes dos deportistas, na procura de solucións de consenso.