A Xunta e a FGC entréganlle 190 cortaventos reflectantes a seis asociacións de ciclistas





A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou na entrega de 190 cortaventos reflectantes que a Federación Galega de Ciclismo (FGC) lle fixo a 6 asociacións co fin de facer visible a este colectivo nas estradas e incrementar a súa seguridade.

O cortaventos distribuído é de cor amarela fluorescente e ten reflectantes para facer máis visible ao ciclista, tamén en situacións de menos luz. Na parte traseira leva inscrita a separación lateral obrigatoria de 1,5 metros que deben deixar os vehículos cando rebasen á persoa que circula en bicicleta, co lema “Eu fágome ver”.

A Xunta de Galicia vén colaborando coa Federación Galega de Ciclismo para facer chegar aos usuarios máis vulnerables, neste caso a asociacións ciclistas, as medidas máis adecuadas para a súa protección e para poder previr posibles accidentes.

O Goberno galego, con este tipo de campañas, busca concienciar tanto aos ciclistas e aos peóns, para que utilicen elementos que incrementen a súa visibilidade ante o resto de usuarios, como aos condutores, para que respecten as normas de circulación e a distancia mínima nos adiantamentos.

A iniciativa ten como obxectivo acadar a redución dos riscos nas estradas pero, sobre todo, lograr o respecto mutuo entre todos os seus usuarios.

Trátase dunha acción máis para continuar avanzando no camiño de sensibilizar e concienciar á sociedade e mellorar a seguridade das persoas.